Wednesday 08 de May de 2024

O Concello completa as obras de reurbanización de Gregorio Hernández e avenida da Habana, con case 1.200 metros de carril bici


A actuación contou cun orzamento de máis de 500.000 euros e supuxo tamén a mellora e ampliación de beirarrúas, prazas de aparcadoiro e paradas de autobús

O Concello vén de completar nos últimos días os traballos de reurbanización da rúa de Gregorio Hernández e da avenida da Habana, que inclúen a creación dun carril bici de case 1.200 metros, a mellora e ampliación de beirarrúas, a reordenación das prazas de aparcadoiro e a mellora e adaptación de varias paradas de autobús. O Goberno de Inés Rey acada con esta actuación unha mellora da mobilidade peonil e ciclable, ademais de conectar o carril bici do paseo marítimo coa súa contorna, ata a rolda de Nelle.

A actuación supuxo, por unha banda, na avenida da Habana a creación dun carril bici bidireccional de 2,5 metros de ancho e unha lonxitude de 530 metros, enlazando co do paseo marítimo pola avenida de Bos Aires. Ademais, reurbanizouse a contorna e creáronse 22 novas prazas de aparcadoiro en batería, reducindo de dous a un os carrís de circulación en sentido paseo marítimo, procedendo tamén ao calmado do tráfico. Por outra banda, as tres paradas de autobús situadas nesta rúa foron adaptadas e integradas no proxecto de reurbanización. Ademais, quedou instalado un novo radar pedagóxico nesta vía.

Na rúa de Gregorio Hernández creouse un carril bici a ambos lados da calzadas de 642 metros sen afectar ao número de carrís de circulación mediante a eliminación da zona central sen uso, o que tampouco afectou as prazas de aparcadoiro que se atopan en ambas marxes.

O carril bici conecta deste xeito coa vía ciclable da rolda de Nelle. Ademais, tamén se mellorou a parada de autobús situada en sentido rolda de Nelle.

A actuación integral completouse coa ampliación de beirarrúas nos cruzamentos coas rúas Valle Inclán, onde tamén se executou un treito de novo carril bici, Virrey Osorio, e Andrés Martínez Salazar. Ademais, creouse un novo paso de peóns con semáforo no cruzamento entre Gregorio Hernández e a avenida da Habana, favorecendo o tránsito peonil sen afectar ao tráfico rodado.

O Goberno de Inés Rey continúa con esta actuación integral estendendo a rede ciclable e conectando os distintos carrís bici da cidade, que xa supera os 55 quilómetros. Ademais, os traballos en Gregorio Hernández e avenida da Habana favorecerán o tránsito peonil, conbeirarrúas ampliadas e melloras nas paradas de autobús, sen afectar ao número de prazas de aparcadoiro, que se amplía. O orzamento total desta actuación integral foi de máis de 500.000 euros.